Obras na fonte das Seixas.Penelas

 

Fonte das Seixas. 

O concello de Teo deu comezo ás obras de mellora na fonte pública das Seixas en Penelas. Ten por obxectivo restaurar o acceso e acondicionamento da propia fonte xunto coa canalización das augas para o seu mellor aproveitamento na estación estival, entre outras.

Esta é unha das moitas intervencións que terá lugar dentro do proxecto ambicioso que levará a cabo TRINXIDOIRO (Asc. de veciños de Penelas e Tras do Eixo)da man do concello para a posta en valor desta área etnográfica.

Tan so agradecer o esforzo e compromiso do concello reflectido na Concellaría de Servizos Básicos e Mocidade que dirixe Xurxo Francos.

 Imaxe da fonte das Seixas.

Lumieira de San Xoán

Toda celebración ten o seu inicio e o seu fin. Despedimos o San Xoán cunha gran lumieira: como manda a tradición, acenderase á media noite e saltarase tres ou cinco veces (sempre número impar) repetindo:

 

“Paso o lume de San Xoán

para que non me morda

cadela nin can”

Esta noite máxica marca o fin dun ciclo: paso do inverno ao estío; purificación dos espíritos; ruptura cos malos acontecementos; anuncio de inicios; petición; augurios… ideal para facer votos de amor; fertilidade… alo menos así o recollen as nosa manifestacións.

Nos desexamos que sexa un punto e a parte que da comezo a andaina de Trinxidoiro.

Cacharela 2018

Noite Máxica

 

A noite de san Xoán, organizada pola A. Trinxidoiro, dou moito de si.

 

Alén de compartir unha gran cea entre máis de 100 amigos veciños de Penelas e Tras do Eixo, nesta noite máxica recoñeceuse a labor de dúas persoas moi queridas pola comunidade: a Sra. María da Barreira ou María do zoqueiro, 94 anos, e ao Sr. Manuel de Gacio ou de Xatrudes, 92 anos; outorgándolles o título de Socio/a de Honra polo legado transmitido, así como, polo quefacer desempeñado ao longo da súa vida nesta aldea.

San Xoán 2018 en Penelas

QUEDADES CONVIDADOS.

Comezamos nesta primeira ocasión coa recuperación do San Xoan e todo o seu ritual. Mais aló do que se coñece popularmente como sardiñada, na que os veciños se xunta para festexar esta noite máxica, dende a asociación Trinxidoiro pretendese rescatar da memoria dos maiores aquelas cerimonias –profanos- asociados a esta noite, como son:  Recoller as sete / nove herbas especiais como purificadoras; Tentar ver as meigas bañarse nas augas mansas dos corgos de Penelas; Aguantar ata a madrugada para ver bailar o sol sobre o Pico Sacro…  e outros moitos ritos, que forman parte da cultura popular deste país,  que tentamos recuperar e transmitir ás xeracións máis novas para que non se esquezan no tempo.

O TEOVIVO

O Roteiro dos corgo por Penelas, un éxito.  O 8 de outubro, esta aldea de Cacheiras case se queda pequena para acoller os máis de 60 asistentes ao primeiro Roteiro dos Corgos organizado pola asociación veciñal (www.trinxidoiro.es). Visitaron o nacemanto do Rego de Moldes, pasaron pola poza natural e a súa contorna máxica chamda Agro do Cura e foron testemuños do uso e aproveitamento ancestral da auga mediante corgos e muiños. Todo contextualizado polas explicacións de Julian Bustelo (arqueólogo) e os veciños máis lonxevos do lugar, que prestaron a súa sabiduría. 

TODO UN ÉXITO

O domingo pasado, 8 de outubro, a aldea de Penelas quedounos pequena!

Mais de 60 persoas chegadas da contorna de Teo démonos cita, ás 11.30, para coñecer de primeira man o que foi a primeira parte do “Roteiro dos Corgos”.

En escasos 2,5 km de percorrido visitamos o nacemento do Rego de Moldes, coñecido como “Fonte das Seixas” na ladeira de Montouto co que inicia o sendeiro, pasamos pola poza natural e o seu contorno máxico chamado “Agro do cura”; fomos testemuñas do uso e aproveitamento ancestral da auga mediante corgos e muíños. Todo isto contextualizado polas explicacións de Julián Bustelo (arqueólogo) e os mesmos veciños máis lonxevos do lugar, que prestaron a súa sabedoría.

Os “Penelianos” quedamos moi gratamente sorprendidos pola boa acollida que tivo a iniciativa, nada dun grande esforzo colectivo baseado na recuperación e difusión do noso patrimonio artellado pola auga.

Un percorrido que transformou maxicamente esta aldea e os seus visitantes por unhas horas.

Moitas grazas ao concello de Teo por apoiar esta iniciativa e a toda a xente que presencialmente -ou non- alentaron este Roteiro.

 

OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Diferentes medios de comunicación como o TeoVivo ou InformaTEO facíanse eco da presentación da primeira etapa da ruta da auga.

«EL CORREO GALLEGO«. encabezaba o titular: -Un roteiro por Penelas amosará a poza e muiños-.

Teo. O próximo domingo, a partir das once e media da maña, realizarase un roteiro por Penelas, con visita á poza, aos corgos e aos muíños para coñecer o ciclo de aproveitamento da auga neste lugar de Teo preto de Cacheiras. O itinerario ten un percorrido circular de 2,5 km e ten dificultade baixa. Non é preciso anotarse. Só hai que estar no cruce de Penelas á hora da saída.

Roteiro

Mozos e mozas das aldeas de Penelas e Trasdoiexo, unidos baixo as mesmas inquietudes, decidimos dar a coñecer a paisaxe cultural da entorna, en concreto a paisaxe da auga. Poñendo en valor a riqueza oculta daque atesoura estas terras percorridas polo “Rego de Moldes”, levarase a cabo, xunto o amparo do Concello de Teo, a presentación da primeira etapa do sendeiro denominado “Roteiro dos Corgos”. O vindeiro domingo, 8 de outubro, ás 11.30 darémonos cita na Fonte das Seixas, xunto o cemiterio municipal de Teo.

Durante a camiñada seremos testemuñas da importancia da auga e o seu aproveitamento, tan arraigado a nosa cultura. Observaremos de preto os sete puntos claves deste roteiro, que podedes consultar no mapa do percorrido, como son: fontes, pozas naturais, paisaxe de en soño,  muíños en funcionamento, corgos …..